Este venres cobra protagonismo o cinema documental galego.
O cine documental galego é protagonista especial este venres no V Festival Internacional de Documentais de Tui, PLAY-DOC. Por aló pasarán diversos directores do país. Entre outros, realizadores do Baixo Miño, caso de Víctor Coyote e Diana Gonçalves e tamén doutras partes de Galiza como Xoel Méndez, Manuel Fernández-Valdés, Oliver Laxe e Alfonso Parra director de fotografía do documental Eloxio da distancia.
O sábado destaca no programa a asistencia ao festival dos directores encargados do obradoiro "O retrato filmado", Adrius Stonis e Marta Andreu. Canda eles estará na mesma xornada Bogdan Dzirwoski, director polaco de recoñecido prestixio.
Cita consolidada
Exemplo do éxito do evento foi xa a primeira xornada, o pasado mércores, que xuntou máis dun milleiro de persoas no primeiro día de proxeccións. Desde a organización salientan o carácter "pequeno pero intenso" da cita, e valoran a posibilidade do "contacto directo" entre espectadores e realizadores. Anxo Sánchez, director do festival canda a Sara García, explicou que "sen pretendelo saíunos unha selección da sección oficial cun aire especialmente optimista", sinalou, e indicou que as películas teñen moito de "supervivencia" e "superación". "Moito de relacións persoais", subliñou.