A ministra de Administracións Públicas afirmou este venres en Vigo que as competencias seguirán a ser do Estado "a curto e a medio prazo".
A Garda Civil seguirá asumindo o control das estradas
En 1983 a Ertzaintza asumía as competencias de Tráfico e en 1998 comezaban a asumir estas funcións en Cataluña os Mossos de Esquadra. Porén, Galiza semella ser para o goberno español neste asunto unha comunidade de segunda. Ao executivo estatal parece non importarlle demasiado a petición unánime que fixo o Parlamento de Galiza en decembro do ano pasado.
A ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, foi a encargada de facer o desaire este venres en Vigo. Nunhas declaracións á chegada do Congreso Federal de Política Municipal do seu partido, a ministra asegurou que antes de fin de ano estarán transferidas as competencias pendentes en materia cultural e educativa. Porén, deixou ben claro que o goberno español non ten previsto ceder Tráfico nin a curto nin a medio prazo. Citando ao ministro de Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, asegurou que “non vemos relación entre un aumento da seguridade e a transferencia desta competencia”.
O anuncio da ministra ten lugar unha semana despois de que o PSOE lograse o apoio decisivo do BNG para sacar adiante os orzamentos estatais. Na negociación, a parte nacionalista puxo enriba da mesa a competencia de Tráfico, cuestión que os negociadores socialistas se negaron a asumir.