Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En Augas mauritanas

Liberan o 'Bahía de Portosanto'

Era a segunda vez que o retiñan en 30 días. O arrastreiro foi soltado despois de que o ministro de Pesca de Mauritania asegurase "descoñecer" o incidente nunha visita a Vigo.

Redacción - 11:00 08/10/2008
Localización de Mauritania, no norte de Africa

Localización de Mauritania, no norte de Africa

O arrastreiro galego 'Bahía de Portosanto', que fora retido esta terza feira de tarde en augas de Mauritania, xa foi liberado polas autoridades militares do país. A situación terminou cando o ministro de Pesca mauritano, Hassena Ould Ely, recoñecía "descoñecer" este incidente ante os medios de comunicación, en Vigo, onde se atopaba para asistir á inauguración da feira Conxemar.

O arrastreiro fora apreixado, acusado de faenar cun número maior de mariñeiros do permitido polas leis internacionais. O buque, que anda á pescada negra, conta, na súa tripulación, con seis mariñeiros galegos e sete mauritanos, e ten unha licenza, emitida en 2002 pola UE, para só dez tripulantes. Neste sentido, o armador do buque, o marinense Santiago Iglesias, dixo sentirse sorprendido, xa que asegurou que "sempre enrola a oito mariñeiros africanos nas súas tripulacións", que habitualmente contan con entre 14 e 16 persoas. Iglesias asegurou que nos últimos anos mantivo o mesmo número de traballadores e "nunca pasou nada".

Créase un "prexuízo enorme" para os barcos galegos
O armador do buque tamén revelou que cada oito días "descargamos en terra", onde o persoal está constantemente mudando, polo que sempre deben dar explicacións sobre a carga que levan, o material e os empregados; "Temos que solucionar esta situación dunha vez" dixo, porque as empresas mixtas de capital galego que faenan neste caladoiro están a sufrir "un prexuízo enorme".

Ademais do 'Bahía de Portosanto', hai outros cinco barcos con base en Marín que andan á pescada negra na mesma zona, onde tamén faena a flota de cefalopodeiros (na súa maioría, de capital galego), que dende setembro e até novembro están de paro biolóxico. "Só estamos nós", recoñeceu Iglesias, quen vai asistir a unha xuntanza esta semana co ministro de Pesca mauritano para falar da situación do seu arrastreiro no caladoiro deste país africano.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: