Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Entrevista a Trapallada

"A Coruña xa parece Liverpool, hai demasiadas bandas que pensan que cantan en inglés"

Trapallada sae das entrañas do mítico barrio de Monte Alto, onde abrocharon bandas como aqueles Verjalludos, Jarbanzo Nejro ou Diplomáticos.

Clara Figueroa - 09:45 31/08/2008

Falamos con Xurxo López, o cantante da banda coruñesa que acaba de presentar o seu primeiro disco 15002: Espírito de loita.

Sodes un grupo 100% Monte Alto?
Case. Xuntámonos aló por 2005 Rafa, Marcial e mais eu (batería, guitarra e voz), tres amigos e veciños do barrio que xa nos coñeciamos da E.X.B. Aos poucos facíanos falta un baixista e uníusenos o Pedro, tamén coñecido e tamén de Monte Alto.
A formación de Trapallada é totalmente autodidacta. Cada un mercou o seu instrumento e puxémonos a tocar as cancións dos grupos que máis nos gustaban, como Kortatu, Xenreira da Estrada ou mesmo os Diplomáticos. Comezamos a tocar nun local de ensaio propio que temos en Monte Alto, algo como un garaxe de meus pais. Temos moita sorte, porque así podemos tocar cando queremos. E máis ou menos un ano despois xuntáronse os metais. Arnaud o trombón é francés, veu de Erasmus un ano e fixo moi boas migas con nós, e aínda que agora está de volta en Francia, di que vai vir vivir aquí dentro de pouco. Inés a trompetista estuda en Madrid e non é do barrio, pero a súa avoa vive aquí, así que démoslle o pasaporte.

Temas propios ou versións?
Ao primeiro tocabamos versións, pero pouco a pouco comezamos a facer temas propios. Por exemplo, o primeiro foi Palestina. Cando xa tivemos un repertorio de seis ou sete temas de nós, comezamos a facer concertos.

Por que dicides que o voso primeiro concerto foi un desastre?
A primeira vez que actuamos foi no Cambrecore, unha festa que veñen organizando dende hai anos uns rapaces de Pravio no que participan bandas hardcore e punk locais, galegas e de fora, que tamén se coñece como “os concertos da Kaseta”. A verdade é que foi un desastre. Bebemos tanto para quitar os nervios que nos pasou de todo. Menos mal que non habería máis que unhas 40 ou 50 persoas. Até o batería caeu á parede de silvas que hai detrás do escenario. Aínda así, á xente gustoulle o concerto, pero musicalmente foi desastroso.

Antes deste primeiro disco tiñades maqueta?
Si, presentámola hai como ano e medio. Tiña seis temas nosos e mais unha versión de Non Servium. Gravámola con poucos medios pero cun son decente, e colaborou tamén Lourenzo Castro “o vendaval do Rosal”, bombardinista de grupos como Dandy Fever, Os 3 trebóns, Banda Potemkin e moitos máis. E resulta que tivo éxito a maqueta, moveuse moi ben e á xente gustoulle bastante.
Dende que quitamos a maqueta levamos bastantes concertos por Galiza e tamén por Euskadi. Na Coruña tamén actuamos moito, aínda que alí está bastante complicado o asunto de tocar. Nós fixemos concertos no Garufa, no Mardi Gras, no INOX -un bar de Monte Alto- e mesmo no Faluya, que aínda non sei como entramos todos alí e as 150 persoas que mercaron o tique.

Por que dis que está arrevesado o tema na Coruña?
Na Coruña as cousas son complicadas porque hai poucas salas, as que hai teñen tanta demanda que hai que pedir día con moita antelación, outras teñen problemas co nivel de decibelios pola acústica...

Que me dis do disco que ides quitar á rúa, 15002: Espírito de loita?
Xa temos as copias dos cedés pero aínda non están distribuídas. Temos falado con varias asociacións culturais de Galiza e algúns bares, pero aínda así nos puxemos en contacto cunha distribuidora para que os mova por aí diante.
O novo disco é unha mestura de temas ska lentos con moito vento, tirando ao punk con moita distorsión, e tamén ten algo de reggae. En 15002: Espírito de loita tamén hai algunha colaboración, como no tema “Moito camiño por facer”, un ska lento no que Dani, o saxo de Skarnio nos bota unha man.

Ides penduralo na rede?
A idea é poñer algúns temas na Internet que se poidan descargar. De feito, xa hai algúns que se poden escoitar no noso myspace, pero o disco ten 16 + 1 temas e non pretendemos pendurar na rede todo o cedé para que a xente nos axude. A venda deste traballo é un xeito de financialo, ou polo menos de cubrir gastos, porque é totalmente autoeditado.

Que é 15002?
15002 é o código postal do noso barrio. É un xeito de dicir “da Coruña si, pero de Monte Alto”. De todos os xeitos, non cremos no tópico que di que na Coruña apenas se fala galego. Non entendo por que cando se fala moito menos en Lugo, Ourense ou en Ferrol, onde o galego é case nulo, alí non existe este tópico. As nosas letras reflicten a rabia que nos dan certos temas, da actualidade ou que están presentes na sociedade. A situación da lingua aféctanos, pero tamén os malos tratos, por exemplo.

Hai moitas bandas coruñesas que non escollen o galego nas súas letras, que opinades?
Nós apostamos por cantar en galego aínda que sabemos que non é o camiño máis doado. Facémolo porque é a nosa lingua e un pouco como acto subversivo: sabemos que non é fácil pero preferimos facer o que nos gusta como nos gusta. A verdade é que A Coruña xa parece Liverpool, hai demasiados grupos cantando en inglés (ou que pensan que cantan en inglés). Nós apostamos pola lingua, porque este tamén é un xeito de facer país. Cada graíño conta.

Ás veces pódese ler Trapallada e outras Trapalhada, vós que preferides?
A grafía dobre L ou LH énos o mesmo. Depende do colectivo que organice o concerto que o escriben dun xeito ou doutro, a nós danos igual unha que outra. Nós escribímolo con dobre L porque falamos o galego natural da casa, non eliximos un galego que nos guste máis, falamos e escribimos o que nos sae, pero a grafía do nome dános moito igual.

Para cando a presentación do disco?
Presentaremos o disco 15002: Espírito de loita este setembro, cando esteamos todos xuntos e poidamos facer unha xira de presentación. De momento os concertos confirmados para a presentación do novo álbum serán en setembro, o 12 na Fundaçom Artabria en Ferrol, o 13 no C. S. A Revira de Pontevedra e o 19 en Compostela.


Xa podes atopar os discos á venda en A Coruña no C. S. Gomes Gaioso e nos bares A Repichoca e Terra. En Compostela has atopalos no C. S. Gentalha do Pichel; en Ferrol na Fundaçom Artabria e en Pontevedra no C. S. A Revira, pero pronto han ser máis os puntos de venda.


4,92/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: