Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xuntanza co presidente do goberno español

Touriño na Moncloa: sen cambios co TAV nin compromiso co voto emigrante

As licitacións pendentes quedan para 2009 coincidindo co que se espera que sexa o momento álxido da crise económica no Estado. No canto da comisión de seguimento con todas as formacións, Zapatero ofreceu que a ministra de Fomento se reúna cada tres meses con Touriño.

Redacción - 09:30 01/08/2008

"Levará tempo". Así confirmaba o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que non hai cambios na posición do goberno español ao respecto da demanda unánime do Parlamento en Galiza para a reforma dos mecanismos de voto na emigración. Da xuntanza de Pérez Touriño co presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, non saíron cambios sobre a posición manifestada esta mesma semana no Congreso pola vicepresidenta María Teresa Fernández De la Vega, quen engadiu escusas á ralentización da reforma.

Malia insinuar que "non se descarta ningunha posibilidade", Touriño evitou ser preciso á hora de opinar sobre se os emigrantes votarán en urna nas próximas eleccións galegas. "A factibilidade marcaraa a propia capacidade do calendario lexislativo", dixo o presidente, xustificando a ralentización na suposta complicación da reforma da Lei Orgánica de Réxiem Electoral. De todos os xeitos, teimou Touriño en que "a vontade está aí". Alén dos prazos, o presidente do Goberno dixo estar satisfeito polo feito de que exista a vontade de que no futuro o goberno español adopte medidas para darlle ao voto na emigración garantías de "maior transparencia e protección".

Sen novidades co calendario do TAV
A outra gran prioridade anunciada por Touriño para esta xuntanza, a alta velocidade ferroviaria Galiza-Madrid para 2012, remata sen compromiso claro para acelerar os traballos e garantizar os prazos.

"Pódolles anunciar a culminación e a garantía plena dese proxecto para que Galiza o poida gozar, tocalo e servirse del no ano comprometido, en 2012", insistía Pérez Touriño á saída da reunión. Con todo, na práctica Zapatero e Touriño só coincidiron que alén doutras eventualidades toda a obra do TAV debe ser licitada e quedar contratada ao longo de 2009, unha prioridade que xa estaba na axenda e que, tal e como teñen sinalando sindicatos e empresarios, non garantiza o cumprimento do horizonte 2012. A clave estaría ademais en que as burocracias vaian acompañadas dos orzamentos que confirmen que os traballos se realizarán con normalidade. A situación alimenta as especulacións de BNG e PPdeG sobre a falta de compromiso e as críticas sobre un posíbel aprazamento coa escusa da crise económica, que chegaría en 2009 a un dos seus picos.

Así e todo, haberá foto de Zapatero e Touriño a finais de agosto a pé das vías de alta velocidade. Ademais, e mentres queda no caixón a petición dunha comisión de seguimento das infraestruturas onde teñan voz as principais formacións políticas do país, Zapatero ofreceu en troco que a ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, se reúna cada tres meses co presidente da Xunta. Unha fórmula que Touriño aceptou por entender que "é a máis áxil, máis directa, a máis executiva e a que se produce no máis alto nivel e co maior nivel posíbel de responsabilidade". Pendentes, os treitos entre Ourense e Zamora (seis entre Ourense e Lubián e tres entre Lubián e Zamora), un total de 140 quilómetros, que o propio Touriño cualificou como "fundamentais" para que o TAV sexa realidade en 2012.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: