Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cos votos de PSOE, PP, CiU, PNV, CC e UPD

O Congreso ratifica o Tratado de Lisboa

Sae adiante sen o apoio de ERC, IU e o BNG, partidos que se pronunciaron en contra das novas directivas da UE, sobre todo a de retorno de inmigrantes.

Redacción - 13:00 26/06/2008
O Congreso español

O Congreso español

Despois da sorpresa que supuxo para os europeístas o 'non' de Irlanda (o único país que o someteu a referendo), o Estado español aproba agora a ratificación do Tratado de Lisboa.

Foi esta quinta feira, no Pleno do Congreso, onde votaron a favor o PSOE, o PP, CiU, o PNV e Coalición Canaria. Abstivéronse ICV e Na-Bai. En contra están os deputados de ERC, IU e o BNG. Este grupo considera que o texto non responde aos intereses dos cidadáns e cidadás, e advirten de que é unha defensa das posicións máis conservadoras nos terreos da economía e da emigración. Os partidos nacionalistas, ademais, están en contra do texto porque a nova Europa que proclama non garante o recoñecemento do dereito á soberanía das nacións sen Estado.

Para estes partidos, o non irlandés explicaba por que moitos Estados evitaron recorrer á vía do referendo, xa que, de facerse así a ratificación do Tratado, habería abondas posibilidades de que fose rexeitado.

Despois do 'non' de Irlanda, "a vida ten que seguir"
Sobre o papel, o tratado non se pode aprobar se non o ratificaron os 27 países membros. Con todo, os europeístas nin sequera consideraron a posibilidade de abrir un novo debate, após o rotundo 'non' irlandés. O Estado Español vai ser o primeiro que dé pasos a favor da ratificación, despois da cimeira de Bruxelas, desenvolvida a pasada semana, na que os líderes europeos decidiron continuar, pois, como dixo o Alto Representante da Política Exterior e Seguridade Común da UE, o español Javier Solana, "a vida ten que seguir".

O Tratado de Lisboa
O chamado Tratado Europeo de Lisboa, asinado polos representantes de todos os Estados membros da UE en Lisboa o 13 de decembro de 2007, é o que substitúe a Constitución Europea, creada no frustrado tratado de 2004.

De lograrse a súa ratificación do texto de 250 páxinas (de novo, en cada país da UE, e, en case todos, por vía parlamentaria), a UE adquiriría personalidade xurídica propia para asinar acordos internacionais a nivel comunitario.

En moitos aspectos, o Tratado segue a mesma liña da Constitución fracasada, pero con algunhas mudanzas. Por exemplo, a dirección da UE corresponde durante dous anos e medio, a un presidente dun dos 27 Estados (agora múdase, cada medio ano, rotativamente); o representante de política exterior adquire máis peso, e os membros da Comisión Europea redúcense. Alén disto, a Comisión, o Parlamento e o Tribunal europeo terán máis competencias e responsabilidades. Tamén se admiten iniciativas lexislativas populares, e a posibilidade que un Estado membro deixe a UE.

A ratificación definitiva darase no Senado a finais de setembrou ou a comezos de outubro, unha vez se reanude a actividades parlamentaria após as vacacións do verán.

Os sindicatos, divididos

A CIG xa se tiña posicionado contra o proxecto constitucional europeo, "que reduce os dereitos da clase traballadora e renuncia a unha Europa social e dos pobos", e esta quinta fixo un chamamento para que todas as organizacións políticas de esquerdas se opuxesen ao Tratado, manifestándose "a prol doutra Europa posíbel, nun mundo multipolar onde a economía e a riqueza estean ao servizo das persoas e onde se recoñeza o dereito á soberanía das nacións sen estado, entre as que se encadra Galiza".

Pola contra os sindicatos estatais UGT e CCOO xa se tiñan pronunciado, xunto coa CES (Confederación Europea de Sindicatos), e redundaron nunha súa posición favorábel ao Tratado posto que, segundo os seus dirixentes, supón unha mellora significativa no terreo político, no democrático e no social.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: