Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
NOVO DISCO DE BONOVO

"As críticas puristas escóitoas en chinés e eu non entendo o chinés"

Bonovo son o folk galego do século XXI. Presentan o seu segundo álbum, con concertos na Coruña (venres 13), San Sadurniño (14) e Compostela (20).

Marcos S. Pérez - 12:00 13/06/2008

Bonovo son a zanfona de Óscar Fernández (ex Cempés), o acordeón de Roberto Grandal, e a batería e o serrucho de Pulpiño Viascón. Composicions baseadas nas músicas de raíz arranxadas con moita liberdade e interpretadas cunha mestura eléctrica e acústica, cun acompañamento de samplers e efectos e a base dunha batería electrónica. Estes días presentan o seu segundo disco, homónimo, que inclúe algúns temas xa clásicos no seu repertorio en directo, como Sexta, Gran Dereit ou unha remestura de In The Ocean.

Nos seus concertos Bonovo propón un espectáculo inquedo, cun ritmo frenético e bailábel, que non deixa indiferente a ninguén. A partir deste venres 13 presenta en directo as súas novas cancións, con concertos na Coruña (Garufa), San Sadurniño (sábado 14 na sala DZine) e Santiago de Compostela (venres 20 no C.S. Gentalha do Pichel). Así mesmo, xa está confirmada a súa presenza no Festival Irmandiño de Moeche, o 23 de agosto.



Falamos con Óscar Fernández, que reinventa a zanfona, incorporando os últimos avances e complementándose cunha cadea de procesadores e samplers.

Sorpréndeche que non haxa moitos máis grupos como Bonovo (hai algúns) que mesturen o folk e os sons e intrumentos tradicionais, con outros sons, coa electrónica?
Non, téñense que dar as circunstancias que dicía arriba, tes que repartirte entre o acústico e eléctrónico e iso leva un grande investimento en tempo, traballo e material. Non me sorprende que non haxa moitos máis grupos dispostos a romper a cabeza neste tipo de proxectos.

Tedes recibido algunha crítica 'purista', por introducir estes novos elementos?
Hai tempo que o meu cerebro escoita as criticas puristas en chinés e eu non entendo o chinés. Ademáis ese tipo de críticas están caendo en desuso a gran velocidade, é o que pasa cando a xente en xeral está máis informada sobre todo tipo de temas.

Contades con colaboracións neste disco? Algunha sorpresa?
Colaboran Serxio Ces (compañeiro meu da época de Os Cempés) cantando un romance de cego, o unico tema tradicional galego do CD. E Nacho Jarbanzo, compañeiro de Pulpiño no Jarbanzo Negro co Ukelele na version de bOnOvo do hit de apologhit In the ocean.

Que representa para ti actuar en San Sadurniño?
Máis que actuar en San Sadurniño, que é a vila onde pasei a maior parte da miña vida, actuaremos na sala Dzine, que reúne xente de toda a comarca dende hai varios anos para disfrutar da música en directo. Dende logo é un placer tocar nunha sala tan especial.

A zanfona, instrumento antigo, parece extraordinariamente moderno pola súa particular sonoridade, máis que válido para mesturarse con sons electrónicos..., estas de acordo?
Todas as músicas, timbres e tendencias son mesturables. O dificil é atopar a receita para atopar un resultado coerente. Mais para gustos...

Como nace Bonovo? Chegastes, dixestes 'hai que facer isto', ou foi máis espontáneo?
Os tres compoñentes compartimos unha insana afición a todo tipo de aparellos cos que se fai música. Pulpiño e Roberto empezaran a experimentar cun proxecto de dúo e ao pouco tempo ofrecinme a participar coa zanfona electroacústica. Tiñamos en mente o que queríamos facer e ao pouco decatámonos de que tiñamos que renovar todo o equipo e aprender a usalo. O traballo levounos un aniño e en decembro do 2006 demos o primeiro concerto.

Na túa opinión o folk galego, no auxe que tivo a mediados dos noventa, cun enorme éxito comercial, atención mediática..., desproveitou daquela unha oportunidade? Por que cres que foi?
Non creo que houbera ningun "enorme exito comercial", como dis. Máis ben un enorme esforzo por parte das bandas para ofrecer a súa música en gravacións e concertos en directo. Nalgún momento os medios emprestaron moita atención ao tema e nalgúns casos utilizáronse técnicas de prensa rosa para potenciar a atención do público. Este público na súa esmagadora maioría seguía perseguindo en masa ás orquestas de verbena no verán e nunca se lle ocorreríaa pagar 10€ por escoitar calquera musico folki nunha sala ou teatro. Igual que se incha, o globo desínchase. Pasou a época da musica, e pasou a sensación de éxito enorme. Ninguén se fixo rico e moi poucos viven exclusivamente de tocar nunha soa banda.

Cal sería a clave para que a música galega comezase a soar, a distribuírse fóra do país de xeito constante e importante?
Crear as nosas versións de Chayanne, Amaral, etc. Pois é con eles con quen compite toda a música. Hai que ser consciente de que o mercado está hipersaturado de cousas moi boas e moi malas e véndense todas moito. No caso de bOnOvO, que fai musica instrumental, non hai nada que facer contra Chayanne e os seus imitadores, polo que me conformo con pouco: conseguir un grupo fiel de seguidores e sorprender o máis posible á xente que me escoite por primeira vez. Se ademais podo levar unha vida economicamente tranquila cos rendementos da música, non preciso máis.

Que papel cumpre o Conservatorio de Música Folque de Lalín na túa opinión? Cara a onde se debe camiñar no futuro no que respecta á formación?
Folque oferta unha formación en materias e dun xeito que non se pode atopar en ningun outro sitio do mundo. Quen queira prepararse para facer da música folque e tradicional a súa profesión ou completar a súa formación musical ou músico-docente con coñecementos sobre a música tradicional, ten en Folque unha moi boa solucion. Paréceme ben que as institucións dependentes do goberno creen escolas de calquera tipo de música, pero un proxecto tan exclusivo como Folque é dificil que se deseñe nun despacho da Xunta.

Escoita aquí tres temas do novo álbum de Bonovo dende a súa web:

Fariñenta

Danza Filipa

Gran Dereit


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: