Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
899 MILLÓNS DE EUROS

Multa histórica da Comisión Europea contra Microsoft

A UE considera que o xigante informático está a cobrar demasiado por darlles datos sobre Windows aos seus competidores.

Redacción - 13:40 27/02/2008

A Comisión Europea impúxolle este mércores a Microsoft unha multa de 899 millóns de euros, a máis alta da historia da UE, por considerar que a compañía informática cobra un prezo excesivo por lle subministrar información aos seus rivais para que poidan ofrecer produtos compatíbeis co sistema operativo Windows. Xa non é a primeira sanción que lle cae a Microsoft dende Europa: en marzo de 2004 tivera que pagar 497 millóns por abuso de posición dominante e, en xullo de 2006, outros 280,5 millóns por non ofrecer información sobre interoperabilidade.

Segundo a Comisión, Microsoft incumpriu as sancións impostas en 2004, que obrigaban á empresa presidida por Bill Gates a fornecer os datos de compatibilidade "en condicións razoábeis e non discriminatorias". O anuncio feito esta semana polo xigante informático de que facilitará toda esa información aos seus rivais foi visto con escepticismo pola comisaria de Competencia, Neelie Kroes, pois Microsoft xa ten feito promesas semellantes sen cumprilas.

O 14 de xaneiro, a UE abriu outras dúas investigacións contra a compañía estadounidense por abuso de posición dominante: a raíz dunha denuncia do Comité Europeo de Sistemas Interoperábeis pola incompatibilidade do paquete Office, e como consecuencia doutra queixa da empresa norueguesa Opera por incluír o navegador Explorer como parte do sistema operativo Windows.


3/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: