Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
INFORME DA UNCTAD

A ONU constata que a fenda dixital se reduce no mundo grazas á internet e aos móbiles

As diferenzas seguen a ser, non obstante, moi grandes entre os países en desenvolvemento e os desenvolvidos.

Redacción - 11:20 08/02/2008

Un informe das Nacións Unidas constata que a fenda dixital entre os países ricos e os pobres estase a estreitar a medida que se estende o uso da telefonía móbil e da internet. Porén, a distancia entre os dous mundos segue a ser enorme.

Segundo a Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento (UNCTAD), os usuarios de teléfonos móbiles case se triplicaron nos últimos cinco anos nos países en desenvolvemento, que agora concentran o 58 por cento dos usuarios do mundo. O informe sinala que en África, onde se produciu o incremento meirande, a tecnoloxía pode axudar a mellorar a vida económica da poboación. Así, salienta que os móbiles son a principal ferramenta de comunicación para as pequenas empresas, pois reducen custos e o tempo das transaccións.

O uso da internet e a súa penetración medran en todo o mundo, aínda que os países desenvolvidos seguen a contar coa maioría dos usuarios e teñen as taxas máis altas de penetración. En 2002, segundo di o informe, a dispoñibilidade da rede nos países desenvolvidos era 10 veces máis alta ca nos países en vías de desenvolvemento. No ano 2006, a diferenza pasou a ser de 6 contra 1. No entanto, aumentou a fenda en termos de uso da banda larga dende 2002.

Segundo a UNCTAD, aínda que a revolución das tecnoloxías da información e da comunicación xa se está a estender ao mundo en desenvolvemento, queda moito por facer para que os países máis pobres poidan sentar as bases para o seu crecemento. Máis investimento en capital humano e en infraestruturas e unha mellor regulación do ciberespazo son algunhas das recomendacións das Nacións Unidas.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



África é o continente onde máis medrou o uso do móbil / NASA
África é o continente onde máis medrou o uso do móbil / NASA