Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A minoría xitana máis grande do continente

Europa une forzas na inclusión da comunidade xitana

Nace a Rede Europea sobre Comunidade Xitana e Inclusión Social. Baséase na cooperación transnacional como clave para a integración dos xitanos.

Canal Solidario - 09:00 04/02/2008

"Atender ás necesidades da comunidade xitana, así como favorecer a súa inclusión social" é un dos principais obxectivos da nova Rede de traballo transnacional, que tamén favorecerá o intercambio de experiencias e boas prácticas, a creación de grupos de traballo, a organización de seminarios, a edición de publicacións e o desenvolvemento de campañas de sensibilización.

A Rede Europea de Cooperación para a Inclusión Social da Comunidade Xitana busca tamén mellorar a efectividade das políticas dirixidas a esta minoría e que “os Fondos Estruturais 2007-2013 teñan impacto nas condicións de vida da poboación xitana, mellorando o acceso á vivenda, a educación ou a saúde" mediante programas estatais efectivos. Por iso, tal e como explicou a Fundación Secretariado Xitano (FSG), esta rede reunirá ás unidades administradoras do Fondo Social Europeo (UAFSE) e ás autoridades responsables das políticas sociais de 12 Estados membros da Unión Europea.

Os 12 Estados con maior número de poboación xitana (República Checa, Eslovaquia, Hungría, Rumania, Bulgaria, Polonia, Grecia, Italia, Portugal, Finlandia, Suecia e España) mostraron a súa intención de desenvolver accións dirixidas a acabar coa exclusión social da comunidade xitana e para iso destacaron que a experiencia española na inclusión da comunidade xitana servirá de referente ao resto de países europeos.

O Comisario europeo de Emprego, Asuntos Sociais e Igualdade de Oportunidades, Vladimir Spidla, xa recoñeceu no encontro anterior á creación da Rede, celebrado o pasado mes de xuño en Madrid, que as políticas de integración da comunidade xitana que se realizan no Estado español son “unhas das máis avanzadas de Europa”.

O caso da Fundación Secretariado Xitano, entidade que estará a cargo da Secretaría Técnica da Rede, e, en concreto, do seu programa de emprego Acceder, estudaranse noutros países e servirán de modelo para implantar iniciativas similares esperando obter os mesmos resultados positivos no avance cara á igualdade de oportunidades para a comunidade xitana.

Os delegados da Rede esperan que a través deste sistema de traballo se propoñan tamén novas fórmulas políticas de inclusión da minoría xitana, a máis grande de Europa, estimada en preto de 12 millóns de persoas.

Así mesmo, aínda que a rede está formada polas administracións de carácter estatal, os seus integrantes destacaron a súa intención de dar tamén protagonismo ás administracións autonómicas e locais no desenvolvemento das actividades que se espera desenvolver.

A loita contra a discriminación

A loita contra a discriminación é outro dos grandes cabalos de batalla desta Rede. Tal e como explican os seus responábeis os resultados das iniciativas contra a exclusión xa se viron no primeiro período dos Fondos Estruturais 2000-2006 a través do Programa Operativo de Loita contra a Discriminación do Fondo Social Europeo.

Respecto da discriminación da poboación xitana nos países europeos, Isidro Rodríguez, director xeral da FSG, afirma que, "en xeral, a situación é peor que a de España porque teñen problemas similares de pobreza, discriminación e rexeitamento nalgúns lugares pero noutros, como Europa do Leste, estes problemas son moi fortes e están moi acusados".

"Aquí melloramos moito, pero quedan cousas por facer, como lograr a real e completa inclusión social a través da incorporación ao mercado de traballo ou a mellora das taxas de abandono escolar, porque os nenos xitanos están escolarizados pero son poucos os que continúan os seus estudos en secundaria", explica.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: