O ditame aprobado este xoves cos votos de PSdeG e BNG incorporarase aos documentos manexados pola fiscalía nas actuacións en marcha respecto á Cidade da Cultura.
Non houbo lugar para o consenso este xoves na derradeira sesión da comisión parlamentaria de investigación sobre o Gaiás, con todas as formacións políticas subliñando as posicións xa argumentadas ao longo das últimas semanas. Aínda quedará un último chanzo no trámite parlamentario, a aprobación definitiva no pleno da Cámara, que se realizará logo do debate do próximo xoves 27 de decembro.
PSdeG e BNG recordaron que se lle vai trasladar á Fiscalía o conxunto de conclusións e destacaron tamén que o balance da comisión permitirá evitar no futuro irregularidades como as detectadas na xestión da Cidade da Cultura. Os voceiros de PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, e do BNG, Carlos Aymerich, presentaron o ditame consensuado destacando "o rigor na descrición dos feitos", a partir do detectado polo informe do Consello de Contas e a investigación, e salientaron a "valoración política" que permite propoñer conclusións e recomendacións.
Leiceaga e Aymerich tamén coincidiron en censurar a actitude mantida polo PPdeG na fase previa de elaboración do ditame, reprochándolles aos deputados populares que non fixesen achegas aos borradores que se lle entregaron. "As súas emendas coñecéronse antes pola prensa que no Parlamento", afirmou Aymerich. Tamén censuraron que o deputado do PPdeG, Ignacio López-Chaves, mantivese o mesmo discurso que o primeiro día e tratase de "embarrar" o debate.
Pola súa parte, o PPdeG teimou en interpretar que o informe do Consello de Contas "non fala en ningún momento de ilegalidades" e criticou os "vetos" de socialistas e nacionalistas á incorporación de determinada documentación e comparecentes. Ademais, consideran os populares que PSdeG e BNG aproveitaron para "tapar" presuntas irregularidades da xestión actual" na Cidade da Cultura.O deputado popular Ignacio López Chaves afirmou que o ditame final do Parlamento "sae directamente de dous gabinetes da Xunta".