En liña E-signovisual, o primeiro dicionario galego/castelán de termos tecnolóxicos na fala dos signos
As persoas xordas xa poden aprender termos informáticos en galego a través do ciberespazo. E é que hoxe publicouse en internet E-signovisual, un pioneiro dicionario de novas tecnoloxías para xordos.
Un dos grandes atractivos da nova web son os vídeos nos que se explica como dicir termos informáticos -por exemplo, 'anexar arquivo'- na linguaxe de signos. O traballo é froito do esforzo da Asociación de Persoas Xordas de Lugo e catro traballadores da Rede de Dinamización da Consellería de Industria.
Ademáis, E-signovisual -que ten versión en galego e castelán- é unha ferramenta de software libre, polo que calquera persoa ou empresa pode traballar na súa mellora.
Os webs públicos deben ser accesíbeis
Por outra banda, a Consellería de Industria, responsábel da iniciativa, recorda a importancia de asegurar que todos os cidadáns teñen acceso as novas tecnoloxías.
Nesta liña, sinala que en todos os seus portais web cumpren "as normas institucionais de accesibilidade recollidas pola Unión Europea", algo que non fan outras administracións públicas galegas, malia estar obrigadas a elo pola Lei.