O profesor denunciado, Alfredo González Ruibal, solidarizárase con Dionisio Pereira, que tamén está encausado.
Outro historiador terá que pasar polos xulgados da Estrada nos vindeiros meses. A familia dun ex alcalde falanxista de Cerdedo, Manuel Gutiérrez Torres, presentou denuncia contra o profesor Alfredo González Ruibal. Os demandantes, que tamén teñen unha causa aberta contra o historiador Dionisio Pereira, acusan a González Ruibal de “difamar” ao seu parente. Agora queren que o profesor rectifique unha publicación que fixo nunha páxina da Universidade de Stanford na que sinala a Manuel Gutiérrez coma un dos responsábeis da represión franquista no municipio de Cerdedo. A familia tamén esixe unha compensación económica de 100 mil euros.
O pasado día 5 de setembro tivo lugar un acto de conciliación no xulgado de paz de Forcarei. O profesor González Ruibal non puido acudir por atoparse de viaxe en EUA. Por medio dunha carta que leu o seu avogado, o docente manifestou que non tiña intención de facerlle dano a ninguén. Ademais de reiterar a súa solidariedade con Dionisio Pereira, González Ruibal negouse a rectificar a súa postura.
González Ruibal exerce a docencia actualmente na Universidade Complutense de Madrid, aínda que ten fortes lazos familiares coa bisbarra de Terra de Montes. Seu pai, Constantino González, asegura ao respecto da denuncia que “unha cousa é a verdade xurídica e outra é a verdade histórica. O que di Dionisio está baseado en fontes orais moi ben documentadas”.
Dionisio, á espera de xuízo
O vindeiro 2 de outubro o Xulgado da Estrada celebrará a vista contra Dionisio Pereira. A familia, neste caso, esixe a rectificación dunha publicación na que tamén se apunta, citando fontes orais, a participación de Manuel Gutiérrez na represión contra veciños de ideoloxía republicana. Numerosas persoas amosaron nos últimos meses a súa solidariedade co historiador denunciado.