Educación non pregunta nos centros polas súas "necesidades reais de equipamento informático", acusa Manuela López Besteiro
A voceira do PPdG sobre temas de Educación, Manuela López Besteiro, arremeteu contra a política da Xunta de implantación das novas tecnoloxías nas aulas. Besteiro acusou este mércores ao bipartito de non saber investir correctamente os cartos públicos na dotación de computadores ás escolas.
Os populares aseguran que os ordenadores estanse incorporando sen consultar aos centros, polo que existe “descordinación” e “duplicidades”. Mesmo indican que en moitos centros os novos aparatos fican como “material sen desembalar” xa que “non se consulta cos centros as necesidades”.
"Promesas inclumplidas"
Ademais, a voceira conservadora denunciou “o incumprimento reiterado do goberno bipartito da promesa de garantir un ordenador cada dous alumnos e dun para cada familia”. Besteiro recordou que nas aulas do país hai un ordenador para cada 12,9 alumnos, o que sitúa a Galiza na cola da clasificación estatal.
Por todo isto, cualificou de “campaña mediática” as actuacións da Consellería de Educación neste eido. O PP vai presentar no parlamento un plan para alcanzar o ratio de un computador para cada dous alumnos.