"Porque a recuperación da ría, os postos de traballo e a saúde non pode esperar máis", é o lema. A Xunta recoñece que a empresa se move moi lentamente.
O sábado 5 de maio é a data fixada para a manifestación contra as factorías de Ence e Elnosa. Sairá ao tempo de Pontevedra e Marín e os manifestantes camiñarán até o complexo industrial de Lourizán. Ao remate haberá unha comida popular na praza do Teucro, en Pontevedra.
Desde a Asociación pola Defensa da Ría, a entidade convocante da iniciativa, destacan que ao lema principal se une tamén o lema "Hoxe Elnosa, mañá Celulosa", respondendo á "imposibilidade" de Elnosa de permanecer na súa actual situación ao carecer da Autorización Ambiental Integrada, a raíz do informe negativo emitido polo concello de Pontevedra.
Por outra parte, o colectivo presentou unha nova denuncia contra Ence, acusando a empresa de facer un recheo ilegal nunha das balsas de decantación onde "máis mercurio acumulado hai", segundo critica Antón Masa, voceiro do grupo. Ademais, a APDR divulga varias investigacións internacionais que detectaron que a presenza de fábricas de pasta de papel "deriva na aparición de bacterias coliformes nas augas". "Iso explicaría a contaminación que provocou a recatalogación do banco marisqueiro de Praceres como zona C", advirten.
A Xunta recoñece a "lentitude" do proceso de traslado da celulosa
"As cousas móvense máis lentamente do que todos nós quixésemos", afirmou Manuel Vázquez, conselleiro de Medio Ambiente, aínda insistindo en que vai "cunha velocidade en termos sociais e empresariais moi razoábel". "Evidentemente o que está claro é que a empresa sabe que en 2018 ten que pechar a porta, e para iso ten que empezar a construír unha alternativa de seis a sete anos de obra no mellor dos casos, máis un ou dous anos para facer a declaración de impacto ambiental, declaración de terreos, plans estratéxicos...", relatou o conselleiro.
Vázquez opinou que o traslado do complexo de Ence "vai collendo forma" e dixo que independentemente do que o goberno faga "quen ten que mover a peza fundamental é a empresa". Ao respecto afirmou ter a sensación de que "a emrpesa traballa, pero con certo sixilo".