O veterano político Anxo Guerreiro, na actualidade colaborador de opinión en varios medios de comunicación, será homenaxeado o vindeiro 14 de abril (aniversario da proclamación da II República española), nun acto que terá lugar no Teatro Principal de Compostela. A Fundación 10 de Marzo, promotora e organizadora do evento quere recoñecer deste xeito o seu labor "na loita polas liberdades durante a ditadura e na consecución da autonomía para Galiza".
A Fundación 10 de Marzo organiza o acto
No acto intervirán representantes do Goberno así como a presidenta do Parlamento, Dolores Villarino. Ademais, tomarán a palabra persoas próximas ao homenaxeado, tanto de Galiza como do Estado. Segundo manifestaron dende a organización, "estanse a facer xestións para contar coa presenza de Gerardo Iglesias, (secretario xeral do PCE e coordinador xeral de IU durante os anos oitenta), Nicolás Sartorius (vicepresidente da Fundación Alternativas) e Rafael Ribó (actual Sindic de Greuges en Cataluña, equivalente ao Valedor do Pobo), entre outros". Finalmente, haberá un xantar de confraternidade.
A Fundación 10 de Marzo, do sindicato CCOO, pretende editar un libro en datas posteriores no que, ademais da biografía de Anxo Guerreiro, se inclúa unha escolma das súas intervencións parlamentarias e das súas colaboracións xornalísticas.
Membro da Comisión dos 16
"A traxectoria política de Anxo Guerreiro convérteo nunha persoa imprescindíbel na loita polas liberdades durante a ditadura", salientan dende a Fundación 10 de Marzo, "mais a súa achega transcende ese período, pois a súa participación nas discusións sobre o Estatuto, como membro que foi da Comisión dos 16, foi clave na consecución da autonomía para Galiza".
Anxo Guerreiro Carreiras "Geluco", nado en Xermade (Terra Chá) en 1945, ingresou no Partido Comunista de Galiza cando era estudante universitario en Santiago de Compostela. A súa actividade levouno á cadea en varias ocasións. Nos anos da Transición, o seu papel resultou clave tanto dentro da súa organización, da que chegou a ser secretario xeral, como na dinámica política do país. Foi o primeiro deputado comunista no Parlamento (1981-1985).
Dende 1986 foi coordinador xeral de Esquerda Unida e, posteriormente, de Esquerda de Galicia, organización coa que acudiu ás eleccións autonómicas de 1997 en coalición co PSdeG, e que posibilitou que de novo fose elixido deputado (1997-2001). Tras o seu paso polo Parlamento, adícase á análise política en varios medios de comunicación.