A Autoridade Portuaria de Ferrol ou as Subdelegacións do Goberno en Lugo e Ourense son exemplo de edificacións públicas onde aínda se mantén algún tipo de "escudo ou símbolo do franquismo", segundo a lista oficial realizada polo ministerio de Administracións Públicas a petición de Esquerda Unida. Entre o cento de edificios referenciados en todo o Estado aparecen quince en Galiza, só superada por Andalucía, con máis de vinte símbolos deste tipo herdados nas súas institucións. Isaura Navarro, deputada desta formación política, quéixase da "deixadez e falta de vontade política coa que o goberno está respondendo as demandas en favor da memoria histórica" e advirte que o inventario está probablemente incompleto.
"Ademais do atraso e da propaganda posta en marcha polo goberno a través do decepcionante proxecto de lei de Memoria Histórica, Esquerda Unida ten rexistradas desde hai meses varias iniciativas sobre a simboloxía franquista ás que non se lles deu resposta", quéixase a deputada de IU.
A formación advirte tamén que os datos achegados polo executivo, froito dun inventario realizado polas delegacións do goberno en 2004, están con probabilidade "desfasados e incompletos" e láiase da falta de atención do goberno ás reivindicacións das asociacións que loitan pola recuperación da memoria histórica e que teñen na retirada destes símbolos unha das súas principais peticións. Por este motivo, presentan no Congreso unha proposición onde se lle pide aos deputados que insten ao goberno á retirada "nesta lexislatura, de todo tipo de mención e símbolos franquistas das dependencias da administración central e dos entes e empresas do sector público".
O que di a lei
O artigo 17 da lei de Memoria Histórica recolle o seguinte: "Os órganos que teñan atribuída a titularidade ou conservación dos monumentos, edificios e lugares de titularidade estatal, tomarán as medidas oportunas para a retirada dos escudos, insignias, placas e outras mencións conmemorativas da Guerra Civil existentes nos mesmos, cando exalten a un só dos bandos enfrontados nela ou se identifiquen co réxime instaurado en España á súa fin".
A lista completa por provincias