O Concello de Lugo, a Consellaría de Cultura e Deporte e a Universidade de Santiago veñen de presentar este luns un convenio de colaboración para o financiamento da conservación e posta en valor da Muralla Romana de Lugo e dos restos arqueolóxicos anexos á Porta de Santiago e ao edificio cultural da Vicerreitoría. Así, Senén Barro, reitor da USC, a conselleira Ánxela Bugallo e o alcalde de Lugo, López Orozco, fixeron fincapé na importancia de axuntar esforzos na recuperación, conservación e protección do patrimonio cultural propio.
O convenio de colaboración presentado esta maña recolle un investimento duns 2,7 millóns de euros para a conservación da Muralla de Lugo e dos restos arqueolóxicos da Porta de Santiago. Estes últimos, teñen un gran valor xa que se consideran de vital importancia para o coñecemento da historia da cidade xa que se corresponden cun templo romano dedicado ao deus Mitra e parte dunha vila romana de grandes dimensións sobre a que se construíu posteriormente a muralla.
Ademais dos máximos representantes das institucións investidoras, o acto de presentación contou coa presenza do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o director xeral de Patrimonio, Felipe Arias; o concelleiro de Urbanismo de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o arqueólogo Celso Rodríguez; e o arquitecto que gañou no seu día o concurso de ideas para a remodelación do edificio da Vicerreitoría e encargado do proxecto, Felipe Peña Pereda, que explicou en que consistirá a obra.
Unha boa parte do investimento irá destinado á conservación dos restos atopados no 2000 no transcurso das obras de construción da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. Actualmente, o traballo de escavación xa está rematado, polo que procede reiniciar as obras de construción do edificio cultural da Vicerreitoría. O proxecto desenvolverase en tres fases. Nunha primeira farase unha cuberta de protección do conxunto do xacemento. Posteriormente, construirase o edificio cultural da Vicerreitoría, adaptado á conservación e posta en valor dos restos arqueolóxicos, que albergará un auditorio e unha sala de exposicións. E, finalmente, na terceira fase terá lugar a consolidación, restauración e posta en valor do conxunto dos restos arqueolóxicos para a súa apertura ao público.