Máis de tres ducias de sociedades empresariais sen ningún traballador, creadas entre 1999 e 2005 polo cuñado do que daquela era director xeral de Industria, adxudicación de proxectos anormalmente rápida e co goberno en funcións... Foron algunhas das irregularidades que se puxeron de manifesto durante a comparencia en comisión parlamentaria do conselleiro de Industria, Fernando Blanco. O deputado socialista Abel Losada cualificou o acontecido coma "claro exemplo de capitalismo especulativo" e gabou a vontade do bipartito de aclarar o acontecido e eliminar todo tipo de políticas clientelistas. O voceiro do BNG, Blanco Parga, laiouse de que o executivo anterior impedise que os proxectos servisen para turrar polo desenvolvemento do medio rural galego. Desde o PPdeG, Ángel Bernardo Tahoces desafiu o goberno a frear os proxectos que aínda están pendentes da declaración de utilidade pública.
Chegaba o conselleiro de Industria e Innovación a esta comparecencia na comisión sexta do Parlamento de Galiza a petición do BNG e logo da serie de informacións publicadas polo diario coruñés La Opinión sobre os negocios da familia do alcalde da Coruña, aínda que finalmente o debate estendeuse ao conxunto de actuacións que no ámbito das concesións de parques eólicos e minicentrais hidroeléctricas facilitou o executivo anterior.
Blanco anuncia a intervención da fiscalía
Fernando Blanco explicou que da avaliación da consellaría conclúense indicios de fraude de lei nas adxudicacións realizadas polo PPdeG sendo Ramón Ordás Badía director xeral de Industria, Enerxía e Minas así coma conculcación grave das normas legais no proceso de concesión onde acaparou maioría de proxectos o cuñado de Ordás Badía, o empresario Luís Castro Valdivia. Segundo advertiu o conselleiro esa propia relación de parentesco "é clara evidencia de irregularidade".
Logo que o deputado do PPdeG lle reprochase que as acusacións e as presuntas probas non tivesen o aval da fiscalía, o conselleiro de Industria retrucoulle que a propia fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de solicitar que se lle remitan todos os datos para avaliar os posíbeis delictos. O conselleiro explicou que mesmo se atoparon documentos oficiais sobre estes trámites administrativos corrixidos improvisadamente "con típex" nalgúns puntos e lembrou que o proceso que noutros momentos podía levar até seis meses se resolveu en menos dun mes e co goberno xa en funcións. Blanco tamén desmentiu que o director xeral de Industria se inhibise no proceso de autorización destes parques eólicos, coma aseguraban os populares, apuntando que cando menos en nove das concesións interviu directamente.
Fernando Blanco insistiu en que "calquera ten dereito a crear empresas" puntualizando que en todo caso a coincidencia no tempo da inusual actividade emprendedora nese sector dunha persoa con parentesco directo co director xeral "non é normal nin ética nin moralmente, independentemente de que sexa ou non delicto". O conselleiro dixo lamentar que o PPdeG obstaculizase que Galiza ingresase un importante volume de recursos aos que doutro xeito podería ter accedido e lembroulle que o propio presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, o alcalde do PPdeG Xosé Crespo, pediu cota para a Fegamp, avalando a necesidade doutro modelo público para o sector.
O BNG pide que se investiguen as cifras de negocio vencelladas
"Máis de trinta desas sociedades non teñen ningún traballador e ademais coinciden en só dous domicilios sociais", precisou o deputado do BNG Fernando Blanco Parga, lembrando ademais que a lei vixente subliña que estes proxectos deberan servir para "o desenvolvemento endóxeno e do medio rural". Blanco Parga denunciou que o feito de que múltiples concesións se lle realizaran a empresas con distintos nomes "pero a mesma persoa detrás", en referencia a Luís Castro Valdivia, "son referencia clara da relación entre a esfera política e a empresarial neste caso". "Non era un cidadán calquera ao que lle deu de súpeto unha febre emprendedora", ironizou.
O voceiro nacionalista destacou nese sentido que existen outras "persoas de relevancia social" nos consellos de administración destas empresas. "Quixeramos saber do que estamos a falar en euros...", pediu o deputado nacionalista. "É este o modelo que promoven para o país?", reprochoulles aos populares, "hai que evitar que isto suceda no futuro", requiriu.
O PSdeG gaba que se bote toda a luz posíbel no acontecido
"As políticas opacas conducen a estas situacións que conculcan os principios de igualdade", laiouse o voceiro socialista na súa intervención. Abel Losada opinou que dos datos ofrecidos queda claro que determinadas persoas tiveron acceso a información privilexiada no ámbito do negocio eólico e aínda recoñecendo que puideron obter esa información "de forma non ilegal" chamou a traballar para a eliminación dese tipo de "prácticas clientelares das que sociedade tiña clara percepción". Losada lembrou que políticos do PP están tamén implicados en irregularidades que xa están nos xulgados noutros puntos do Estado, coma é o caso das illas Canarias.
Abel Losada tamén saiu en defensa do alcalde coruñés asegurando que a familia de Francisco Vázquez "ten negocios no sector enerxético desde 1981, moito antes mesmo de ser alcalde". Losada defendeu en todo caso que se realice o "maior aireamento democrático" e asegurou que "serán bos todos os intentos de "poñer luz".
O PPdeG di que o único obxetivo do bipartito é a "descualificación"
"Acaso conculcamos a legalidade vixente?", preguntoulle a socialistas e nacionalistas Ángel Bernardo Tahoces, representante do PPdeG este venres no Parlamento, "hipotecamos a capacidade de manobra do novo goberno por facer esa aprobación estando o goberno en funcións?".
Teimou o deputado popular en xustificar a actuación do seu partido nese período coa argumentación de que non se infrinxiu ningunha lei, e ao respecto do protagonismo no acontecido do cuñado do ex director de Industria, preguntoulles aos outros partidos se "acaso este señor non pode ser empresario?". "Despreguen políticas de construción e non de destrución", pediu Tahoces.