A ministra de Cultura, Carmen Calvo, anunciou a próxima sinatura dun convenio de colaboración para o financiamento dos traballos de conservación e limpeza da muralla lucense.
"Cando a Unesco realiza un repaso aos bens patrimoniais, aínda que non sexan competencia do ministerio, están avaliando o prestixio de España, por iso o Goberno quere responder de forma voluntaria", indicou a ministra. Pese a que a Muralla de Lugo é de titularidade da Xunta tras a transferencia da competencia hai unha década, Carmen Calvo manifestou que para o Goberno os bens Patrimonio da Humanidade son unha cuestión de Estado.
A titular do Ministerio de Cultura sinalou tamén o investimento de 760.000 euros para realizar melloras no Arquivo histórico provincial. As obras consistirán na mellora da iluminación e no illamento do edificio para evitar humidades. O Arquivo histórico é de titularidade do Ministerio de Cultura, aínda que é xestionado pola Consellaría de Cultura.