

|
 |
 |
As institucións de autogoberno
Ata a instauración da democracia | Estatuto de Autonomía de Galicia | A Xunta | O Parlamento galego | 20 anos de Parlamento
 |
 |
Ata a instauración da democracia
Galicia foi un reino independente dentro da Península Ibérica desde a chegada dos suevos ata a segunda metade da Idade Media. Logo da integración no reino de Castela, os nobres galegos seguiron gozando dunha posición de poder privilexiada que mantiveron ata finais do século XIV e comezos do XV, cando os aristócratas galegos apoiaron o candidato perdedor en dúas guerras dinásticas castelás.
Galicia recuperou o poder perdido no XIX, seguindo a singradura dos nacionalismos europeos. O rexionalismo, liderado por Alfredo Brañas, medrou na segunda metade do século XIX ao abeiro do Rexurdimento, fénomeno de recuperación da identidade cultural e histórica do pobo galego.
Os anos vinte do noso século asistiron ao nacemento do Partido Galeguista, que contaba con dous representantes no parlamento da República española. Daniel Rodríguez Castelao e Alexandre Bóveda foron os principais artífices do primeiro Estatuto de Autonomía para Galicia, que nunca podería entrar en vigor por mor da Guerra Civil Española.
Houbo que agardar ata o 16 de marzo de 1979, cando o país adquiriu o réxime de preautonomía. En xuño dese ano os parlamentarios galegos presentaron nas Cortes o proxecto de Estatuto Autonómico de Galicia. Foi ratificado polo pobo galego en referendo (decembro de 1980) e posto en vigor en abril de 1981.
Galicia estableceuse como Comunidade Autónoma pola Lei orgánica 1/1981 do 6 de abril (BOE 28/IV/81).
............................................................
|
 |
|
Estatuto de Autonomía de Galicia
Aprobado en 1980, O Estatuto de Autonomía de Galicia é o marco legal de competencias, deberes e dereitos da Comunidade.
............................................................
Xunta de Galicia
A Xunta aparece definida no Estatuto de Autonomía coma o órgano colexiado do Goberno de Galicia. Está composta polo Presidente, Vicepresidente (ou Vicepresidentes) e mailos Conselleiros, que son elixidos polo Presidente.
A Xunta cesa coa celebración de eleccións ao Parlamento Galego e nos casos de perda de confianza parlamentaria, de demisión ou de falecemento do seu Presidente. Responde políticamente diante do Parlamento, de xeito solidario, e sen prexuízo da responsabilidade directa de cada un dos seus compoñentes. A Xunta de Galicia poderá interpor recursos de inconstitucionalidade e presentarse diante do Tribunal Constitucional nos supostos e termos previstos na Constitución e na Lei Orgánica do mesmo.
A X unta de Galicia ten transferidas unha serie de materias exclusivas, recollidas no título segundo do Estatuto, e outras competencias que con carácter exclusivo e por Lei Orgánica lle sexan transmitidas polo Estado.
............................................................
|
 |
|
O Parlamento galego
O Parlamento de Galicia é o máximo órgano representativo do pobo galego, segundo recolle o artigo 9 do Estatuto. Tralas primeiras eleccións autonómicas galegas, celebradas en 1981, o Parlamento iniciou a súa andaina.
A potestade lexislativa é a primeira función do Parlamento de Galicia. Ademais ten o control da acción executiva da Xunta de Galicia, a aprobación dos orzamentos da Comunidade autónoma, e todas cantas competencias lle sexan atribuídas pola Constitución, polo Estatuto, polas leis do Estado e polas propias do Parlamento de Galicia.
O Parlamento de Galicia, que ten a súa sede na rúa do Hórreo de Santiago, está formado por 75 deputados, que representan as catro provincias da Comunidade autónoma. Os parlamentarios son elixidos por sufraxio universal, seguindo a lei D'Hont, para un período de catro anos.
Os deputados intégranse en grupos parlamentarios para a realización da súa actividade representativa. Cada grupo deberá estar formado por un mínimo de cinco deputados. Noutro caso, intégranse no grupo mixto.
O Parlamento galego dispón dun Regulamento, aprobado por maioría absoluta, que establece todos os seus mecanismos de composición, funcionamento e réxime interno. Os órganos de goberno da Cámara galega son o Presidente, a Mesa e a Deputación Permanente.
As reunións do Parlamento celébranse en Pleno e en Comisións, reuníndose en ámbolos casos en sesións ordinarias e extraordinarias. Os grupos parlamentarios participan en tódalas comisións en proporción ó número dos seus membros. Funciona, ademais, unha Xunta de Portavoces, na que participan os deputados designados como representantes dos distintos grupos.
A iniciativa para que o Parlamento tome en consideración as propostas lexislativas corresponde, ademais de á propia Cámara, á Xunta e ós deputados. Tamén está regulada a iniciativa popular para a presentación de proposicións de lei que o Parlamento deberá tramitar, se estas acadan o número mínimo de sinaturas esixidas. As leis aprobadas polo Parlamento entran en vigor unha vez que son publicadas no Diario Oficial de Galicia. Consulta a historia do Parlamento Galego a través das súas cinco lexislaturas.
............................................................
|
 |
 |
20 anos de Parlamento
O 20 de outubro de 1981 celébranse as primeiras eleccións ao Parlamento de Galicia. Con Antonio Rosón (UCD) na presidencia da Mesa, os 71 deputados saíntes duns comicios moi apertados elixen a Xerardo Fernández Albor como primeiro presidente da Xunta. O Goberno xorde coa misión de poñer en práctica o Estatuto de Autonomía, ratificado en referendo en decembro de 1980.
En 1985 a TVG comeza as súas emisións. Fernández Albor preside un segundo mandato, marcado pola morte de Antonio Rosón e a moción de censura presentada polo Partido Socialista e deputados de Coalición Galega e o Partido Nacionalista Galego. É 1987 e chega o "Goberno tripartito" de González Laxe. O Parlamento inaugura a súa nova sé, na rúa do Hórreo.
Soan gaitas no Obradoiro. En 1989 comeza a era Fraga. O Parlamento pasa a ter 75 deputados. Esta terceira lexislatura deixa tamén a icona máis famosa, o "zapatazo" de Beiras.
A composición do grupo parlamentario popular vai en aumento, con sucesivas maiorías absolutas, misturadas con demisións e diversos escándalos de corrupción. Pola súa banda, o PSOE, principal opositor despois das eleccións do 85 perde terreo. É unha caída imparable ata o momento. Dela benefíciase o Bloque Nacionalista Galego, convertido na segunda forza galega na lexislatura que vén de rematar en 2001.
O 21 de outubro ten lugar unha nova xornada electoral. Ata entón, e xusto cando cumpre vinte anos, o Parlamento agarda o inicio da sexta lexislatura.
Listaxe de parlamentarios |
«« Portada da Edición
|
 |
 |
| WEBS RELACIONADAS |
 |
|
|
|
 |